Atención temperá en logopedia

No seu desenvolvemento os nenos van completando unha serie de fitos, por iso é preciso observar a súa evolución e acudir a un profesional cando se detecte algunha anomalía. A atención temperá en logopedia permite obter mellores resultados e máis beneficios.
A continuación explicamos os fitos dentro do desenvolvemento da linguaxe, que podemos dividir en varias categorías:

  1. Fonética e fonoloxía. Comprende o ritmo, a entoación, o balbucido, as protopalabras e as palabras, e o vocabulario.
  2. O desenvolvemento morfolóxico. Abarca o emprego de artigos, os plurais, preposicións, as variacións de número, persoa, xénero e tempo verbal, adverbios, etc.
  3. O sintáctico. Aparecen as primeiras combinacións de palabras e frases incompletas, a concordancia de xénero e número, as oracións simples e complexas, as categorías verbais e gramaticais e a orde correcta das oracións xunto cun discurso ordenado.
  4. O desenvolvemento semántico. Engloba a xeneralización do uso das palabras, o vocabulario, os campos semánticos, os verbos e a organización de estruturas semánticas xerarquizadas, ademais da sinonimia e a antonimia.
  5. O desenvolvemento pragmático. Establecemento de contacto comunicativo, expresión de sentimentos, preguntas, descricións, habilidade para conversar e realizar demandas e peticións directas e indirectas.


 
Estes fitos pódense considerar como unha guía xeral dentro do desenvolvemento, pero non constitúen unha lista de características diagnósticas. Así mesmo, existen trastornos ou patoloxías que poden aparecer na infancia onde hai unha alteración dos fitos nomeados.
Dentro destas patoloxías podemos establecer varias categorías:

  1. Retraso na adquisición ou desenvolvemento da linguaxe. Inclúe o retraso simple da linguaxe, existindo un retraso na adquisición da linguaxe na/o nena/o afectando sobre todo a nivel fonético e fonolóxico e morfosintáctico sen afectación da comprensión.  Ademáis do Trastorno Específico da Linguaxe (TEL), similar o retraso simple da linguaxe pero estando alterada a compresión, entre outros.
  2. Trastornos fonolóxicos e fonéticos. Englobando a dislalia, onde o neno ten unha dificultade para a articulación dos fonemas da fala que afecta á intelixibilidade da fala e á propia comunicación.
  3. Trastornos da linguaxe orgánicos. Comprende as disartrias, manifestadas como dificultades na pronunciación debidas a patoloxías neuromusculares con afectación aos órganos faciais; dislalias audióxenas, onde a dificultade articulatoria aparece debida a unha falta de audición; e as disglosias, dificultades na pronunciación atribuídas á malformación dos órganos faciais que interveñen na produción da fala.
  4. Trastornos da fluidez verbal. Onde atopamos a tartamudez podendo ver repeticións, bloqueos ou prolongacións.
  5. Trastornos da voz. Engloba a disfonía.
  6. Trastornos de lecto-escritura. Onde a dificultade aparece á hora de ler ou escribir.

Estas patoloxías, entre outras moitas como a deglutición atípica ou o Trastorno por Déficit de Atención e Hiperactividade (TDAH), son tratadas polos logopedas, quen mediante estimulación e reeducación das diferentes áreas da linguaxe conseguen unha mellora na comunicación interna e externa da/o nena/o. É preciso que no momento no que se detecte algunha anomalía no desenvolvemento infantil se acuda ó profesional pertinente, pois canto antes se reciba unha atención temperá en logopedia, máis rápido e mellores beneficios se obterán.
En Chavert Psicoloxía abarcamos as dificultades logopédicas dende unha perspectiva dinámica, para que as/os nenas/os teñan a sensación de estar a xogar mentres se adquiren os diferentes conceptos e aprendizaxes necesarios para a reeducación. Co gran abanico de especialidades e profesional dos que dispón o gabinete, pódense abarcar as diferentes patoloxías dende a multidisplinariedade, podendo así obter os resultados desexados mediante o divertimento e a combinación das diferentes perspectivas.

No hay comentarios

Pon un Comentario